Esta historia comeza en maio de 2011 en Johannesburgo, Suráfrica, cando Richard Van As, carpinteiro, nun descoido no manexo da súa serra mecánica perde 2 dedos e dana seriamente outros 2 da súa man dominante, a dereita.

Richard tiña a determinación de volver a traballar e na súa procura dunha solución viu un vídeo en Youtube dunha man mecánica que Ivan Owen, un prop maker (algo así coma un inventor e fabricante de aparellos) dos EEUU, fixera.

Richard fíxolle unha pregunta a Ivan: “Algunha vez pensaches en facer dedos para as persoas?”

Ao longo de 2012 ambos traballaron xuntos en pos dese reto, primeiro a través de Skype e o correo electrónico, e xa ao final viaxando Ivan a Suráfrica.

Ao pouco tempo de ter o seu primeiro prototipo funcional, Richard, que creara unha páxina en Facebook para contar o que lle acontecera, recibiu a chamada dunha nai que lera a súa historia para preguntarlle se poderían axudar ao seu fillo de 5 anos, Liam, que nacera sen dedos na súa man dereita.

O carpinteiro e o fabricante miráronse e dixeron “si, é doado, sen problema!”

A distancia que separaba os EEUU de Suráfrica xa non era un problema grazas ao entusiasmo de Ivan e á colaboración desinteresada de persoas que querían axudalos.

Liam tivo a súa man, e Richard e Ivan decidiron que a súa historia non debía acabar alí…

 

Vídeo de Ivan Owen

 

Ambos comprenderon que o que acababan de facer podía axudar a centos ou miles de nenxs (e adultxs).

Cando Ivan voaba de regreso aos EEUU preguntábase se ese dispositivo non se podería compoñer de pezas impresas, así que lle enviou un correo a Marketbot, unha empresa que fabrica impresoras 3D, preguntándolle se podían axudalos. E fixérono, doando unha impresora para cada un deles.

O que antes lles levaba non menos de 2 semanas agora lles levaría 20 minutos para redeseñar, imprimir e probar.

Ambos decidiron que o que estaban facendo debían compartilo libremente con todo o mundo, sen patentes, de maneira gratuíta.

Persoas de todo o mundo comezaron a pórse en contacto con eles e a preguntarlles como podían colaborar… Unhas persoas ofrecíanlles as súas impresoras 3D para que quen non tivese unha non se quedase sen a súa prótese; outrxs ofrecíanse para buscar novas solucións nos deseños. E todxs seguían ofrecendo todo gratis.

 

Jon Shull, o terceiro protagonista desta historia, creou un grupo en Google+, E-Nable Group, que reúne a todas aquelas persoas que poden colaborar deseñando, personalizando e imprimindo partes de estas próteses para facerllas chegar a todas aquelas persoas que as necesitan.

 

Os 3 traballan agora por separado, pero cun mesmo obxectivo: axudar ás persoas que necesitan deste tipo de próteses e que non poden pagar miles de euros por unha (pouco máis de 30€ cubren o coste do material de un dos modelos que fabrica E-Nable).

 

Co seu coñecemento, co seu entusiasmo, inspiración e coa axuda das TIC, todxs: pais e fillxs, enxeñeirxs, protésicxs, terapeutas ocupacionais, grupos de estudantes de institutos e universidades, colaboran non só xa por facer próteses que axudan a persoas que as precisan, senón porque descubren que hai outra maneira de facer as cousas, unha maneira que xs reconforta e xs fai sentir parte de algo diferente e bo.

 

Se queres consultar máis información sobre este proxecto, podes mirar en:

Robohand USA (o proxecto de Richard Van As)

Enabling The Future (o proxecto de Jon Shull)