Aspectos importantes para un bo posicionamento web (SEO)

Google é coma un neno que está crecendo e aprendendo para parecerse máis ás persoas adultas.

Se estás buscando a maneira de descubrir, entender e aproveitar as posibles técnicas, trucos, ferramentas, etc. que che axuden a saír nos primeiros postos, xa che adianto que neste texto non che vou a falar de nada diso.

Si, efectivamente hai unhas cuestións, digamos… máis técnicas¹Tratarei estas cuestións noutro texto., que a persoa que faga o teu sitio web debe considerar, pero o que quero é que saibas que o que máis vai a valorar Google é o teu traballo, e iso é algo bo, non cres?

Pódese dicir que, por vez primeira, aparecer nos primeiros lugares dos resultados de Google vai a depender máis de ti, do teu traballo, que da persoa que faga o teu sitio web.

Google™ crece e quere parecerse a ti, non a unx informáticx. Aprovéitao!

Por que falo só de Google?

Antes de ver como quere Google que o trates, coméntoche brevemente porque vou a falar só de Google e non doutros buscadores web.

Segundo un estudo de Net Market Share, en 2015 máis do 66% das persoas que utilizaron un buscador web elexiron Google, quedando Baidu (buscador web chinés) con algo máis do 12%, Bing (buscador web de Microsoft) con algo máis do 10%, e Yahoo con case o 9%, en 2ª, 3ª e 4ª posición respectivamente e a moita distancia do buscador por excelencia.

Istos datos fan referencia ás buscas desde ordenadores de sobremesa, crecendo a porcentaxe, no caso de Google, ata case o 92,5% cando falamos de buscas feitas desde dispositivos móbiles (smartphones e tablets).

Como ves, Google™ é a opción elexida pola maioría de persoas usuarias de internet, polo que é moi probable que sexa tamén a opción maioritaria elexida pola túa clientela ideal.

Por que Google quere escoitarte a ti (máis ca min)?

Basicamente porque esa é a maneira de seguir tendo o poder que ten, e gañando o diñeiro que gaña.

Pénsao… Que é o que fai que Google sexa o buscador máis utilizado no mundo?, por que todas as persoas que teñen unha presenza en internet queren aparecer nos primeiros postos das súas buscas?
Porque xa desde os seus primeiros pasos, alá polo ano 1998, nos acostumou a que a maneira máis eficaz de atopar información relevante para nós era usándoo.
Algo tan básico coma iso: usalo.
Se deixamos de usalo, que valor ten?

Vale, isto que digo ten certa lóxica, non mo negarás, pero, por que iamos a deixar de usalo?
Bueno, non temos porque facelo se segue ofrecéndonos o que demandamos, non?, e aí é precisamente a onde quero chegar…

Google quere que as persoas que usamos o seu buscador esteamos completamente satisfeitas. E nós cada vez somos máis e máis esixentes. Queremos que cando buscamos unha información esta se axuste o máximo posible ao que procuramos.

E neste punto é onde Google se fixa en ti!

Deixa que cho explique cun exemplo:

Teño unha amiga á que lle gustan os complementos feitos a man e con motivos propios de Galicia: colgantes, pulseiras, broches e outros abelorios…
Así que cando estivo de aniversario pensei en agasallarlle con algún deses complementos.
Quería que lle gustase, claro, e aínda que sei que é moi agradecida, apetecíame sorprendela con algo orixinal, feito a man, feito aquí e de certa calidade (por iso descartei facelo eu!).

Google quere que eu atope o que busco o antes posible e que quede satisfeito, para que a próxima vez non o pense dúas veces e acuda de novo a el, e non ás redes sociais ou a outros buscadores.

Así que, cando eu introducín a miña procura (pulseiras feitas a man en galicia) obtiven moi poucos resultados que coincidían co que buscaba.
Por sorte atopei un sitio web que ofrecía xusto o que buscaba, o único!, e imaxino que en Galicia haberá moitas máis persoas que fagan ese tipo de produtos…

“Uffff… polos pelos”… Algo así pensaría Google se fose unha persoa á que lle tivera encargado atopar o sitio.
E de seguro que querería prestar un mellor servizo a próxima vez que alguén fixese esa busca.

Como a ti che pasaría moitas veces, nalgúns webs xa nin entrei polo que lin nos resultados da busca (SERPs), noutros entrei e saín inmediatamente porque non vendían o que buscaba (ou, directamente, non vendían nada).

Pero entre o que atopou si había un sitio web que eu non coñecía, no que entrei e onde vin por fin o que buscaba.
Estiven un bo rato vendo todo o que ofrecían, e aínda que ao final non merquei alí o que procuraba (ese é un dos aspectos nos que si faiaron no seu posicionamento, e dos que nun momentiño che falarei…) si que me lembrei desta procura para explicarche que é o que máis ten en conta Google á hora e posicionar ben o teu sitio web.

Que aspectos ten en conta Google™ para posicionarte ben?

O obxectivo que debes acadar para que o teu sitio web estea ben posicionado é gustarlle a Google.

E a Google gústaslle se:

  1. Lle facilitas as cousas: Esta é a parte técnica¹Tratarei estas cuestións noutro texto., a que depende dx informáticx.

  2. Lle ofreces á túa clientela o que quere: Esta é a parte que depende de ti.

Infografía: posicionamento web.

Estes son os factores que inflúen (moito) no posicionamento e que debes procurar:

Google sabe moito do que fai a persoa que visita o teu sitio:
• Canto tempo pasa lendo o que escribiches.
• Se se desplazou na túa páxina ata o final da mesma.
• Se compartiu ou non o que leu nas redes sociais e en cales.
• Se valorou o que leu e de que maneira.

Se a esa persoa lle gusta o teu sitio…: porque lle ofreces contido de valor, porque lle falas dunha maneira que lle gusta, porque se sente identificada coa túa marca, porque lle gusta o deseño, porque lle resulta cómodo navegar por ela e atopar o que busca, etc., seguramente se quedará lendo o que lle ofreces ata o final, interactuará contigo (darache a súa opinión en comentarios, correo, enquisas, etc), compartirá esa información e volverá ao teu sitio web a por máis información.

• Ademais do que escribas, procura que o contido multimedia (imaxes e vídeo) sexa tamén relevante e de boa calidade.

• Ten SEMPRE o contido actualizado!
Lembras que che dicía -nunhas liñas máis arriba- que che comentaría que non fixeron ben no sitio web que me ofreceu Google?

Trátase de algo tan básico coma ter o seu contido actualizado.
Para que queres saír nos primeiros resultados -ou nos últimos!- se quen entre no teu sitio web se vai a levar unha mala impresión?
De todos os produtos que ofrecían no sitio web ao que accedín, a penas un 10% eran os que realmente podía eu mercar, e ningún deles era o que quería (pódoche asegurar que tería elexido unha gran cantidade de todos os que non tiñan dispoñibles).
E o peor de todo é que non sabía que eses artigos non estaban dispoñibles ata os últimos pasos da compra, así que a miña sensación de frustración ía aumentando…
Afortunadamente -todo hai que dicilo- unha vez que contactei por correo coa persoa responsable, contestoume nun tempo razoable e indicoume onde podía mercar eses mesmos produtos, pero estarás de acordo comigo en que non moita xente se molesta en facer esa consulta, e seguramente non a tería feito se nos resultados de Google tivese outras alternativas. Simplemente pecharía a ventana e iríame ao seguinte sitio web.

Procura poñer contido atemporal: A todxs nos dá unha mala sensación cando lemos unha información que está desactualizada.
Se fas referencia a contidos que son actualizables, non descoides esas actualizacións.

• Coida o ortografía e a gramática: Pensa que moitas persoas deixan de ler se atopan moitos erros e comezan a entrarlle gañas de arrancarse os ollos.

• Utiliza ligazóns: Tanto a contidos que teñas noutras páxinas do teu sitio, coma a outros sitios web que falen desa temática.

A Google gústalle que uses as redes sociais, que se compartan os teus contidos e que estes lles sexan de utilidade ás demais persoas.
Por suposto, encántalle que uses a súa rede, así que, aínda que sexa só por darlle o capricho, considera compartir esa información no teu perfil de Google +.

Interactúa coas demais persoas, e non só no teu sitio web.
Podes escribir sobre esa temática que dominas sendo invitadx por alguén que teña un blog que sexa seguido por unha potencial clientela túa.
Podes participar en foros e comunidades da túa temática (incluídas comunidades de Google +, grupos de Facebook, grupos de LinkedIn, etc).

Pero, ollo!, Google, coma nós, detesta o SPAM, así que evítao, non “irrumpas” nun foro ou comunidade só para poñer ligazóns ao teu sitio web.

Acadar relevancia pode ser algo máis complicado e levar algo máis de tempo, pero se consegues que persoas cunha boa reputación para Google engadan enlaces a contidos que tes no teu sitio web, pasarás a gustarlle máis a Google.

Estas persoas son as que chamamos influencers, e veñen sendo coma esx amigx desa rapaza ou dese rapaz que tanto che gustaba no instituto (para o caso: Google). Se lle gustas a esa persoa, ela falaralle ben de di a Google e pasarás a gustarlle máis.
Como contactas con esas persoas? Inténtao por correo… se tes un bo contido, algo que lle interese, normalmente non teñen problema por engadir algún enlace ao teu sitio (seguramente esas persoas tamén estiveron nalgún momento na túa situación).

Lembra isto: mellor que enlacen ao teu sitio web desde un sitio web relevante que desde moitos pouco relevantes. Iso si, que eses sitios estean sempre relacionados coa temática do teu contido.
Nese caso de amores de instituto, estarás de acordo comigo en que non é o mesmo que a Google lle fale ben de ti unha persoa que el valora ben, a que o faga algunha das túas amizades.

Asegúrate de que quen che fai o sitio web ten en conta as cuestións técnicas necesarias que lle facilitan a vida a Google e, de novo, coloca á túa clientela ideal no centro, creando o contido que quere.
Non esquezas que Google tamén é un pouco caprichoso, coma todxs xs nenxs (e non tan nenxs), e de que seguirán cambiando moitas cousas (a web semántica -web 3.0- está á volta da esquina…) así que non te obsesiones por gustarlle; mellor gasta ese tempo en intentar gustarlle á túa clientela ideal.


Imaxe da infografía: Freepik.

Nota aclaratoria: ¹ Das cuestións máis técnicas relativas ao posicionamento e a ter en conta cando se desenvolve un sitio web, falareiche proximamente, ben neste mesmo blog ou ben enviándoche un correo electrónico (subscribiríaste xa ao boletín dOM, non? 😉 )