Pizarra coas definicións sexistas do DRAG de masculino e feminino

Sucede que nesta sociedade que nos toca vivir (e facer) estamos sometidxs con demasiada frecuencia a un estrés que nos induce a unha actitude belixerante, incompatible coa construtiva que necesitamos para pór fin á evidente desigualdade entre mulleres e homes na que nos instalamos desde hai séculos.

Ser conscientes desta realidade, xunto cun exercicio de reflexión e escoita activa, axudaranos a aportar e poñer en práctica posibles solucións.

Con todo, no meu pensamento destaca unha pregunta: Pretendemos (todxs) realmente pór fin a esta desigualdade?

E é que a pesar de que as circunstancias destes tempos non axudan a unha disposición máis dialogante e construtiva, estamos fartxs de oír argumentos coma estes:

  1. “Preocupádevos pola discriminación social e deixádevos de lerias lingüísticas”.

  2. “A linguaxe non sexista é antinatural”.

  3. “Eu, como muller, non me sinto discriminada pola linguaxe”.

  4. “As feministas confunden sexo e xénero”.

  5. “O masculino é xenérico”.

  6. “A linguaxe non sexista é contraria á economía da linguaxe”.

  7. “Imos acabar dicindo “o sapo e a sapa”…

  8. “A linguaxe non sexista inventa palabras e soa fatal”.

  9. “Membro, xuíz e fiscal xa teñen xénero común”.

  10. “Os dicionarios simplemente recollen a forma de falar da sociedade”.

  11. “A linguaxe non sexista limítase ao politicamente correcto”.

 

Probablemente coñezas a alguén que esgrime algún destes motivos para evitar abordar un cambio necesario na nosa maneira de expresarnos.
Se é así, se ti mesmx tes dúbidas a este respecto, ou mesmo para teres un maior coñecemento da realidade lingüística, anímote a que leas o estupendo artigo que Olga Castro Vázquez publicou na revista Festa da palabra silenciada (no seu especial sobre O verbo patriarcal) e no que rebate cada un destes argumentos.

Por que é importante como se escribe?

Cando no século XVII se comezaron a publicar as primeiras gramáticas das linguas románicas, quenes as elaboraron decidiron que o xénero masculino sería o xénero universal, toda vez que o xénero neutro do latín desapareceu.
Foron esas persoas quenes tomaron por entón unha decisión que lles conviña (social e que nada ten que ver coa lingua) e que afectaba a toda a sociedade na que vivían.

É o uso de certos mecanismos sociais, políticos e lingüísticos (si, tamén lingüísticos!) o que perpetúa a desigualdade entre homes e mulleres.
A linguaxe inflúe na cosmovisión de cada persoa. A “dominiación simbólica” á que se refire Pierre Bordieu é unha realidade tan evidente como a de que a lingua galega, igual que a castelán, é sexista.

Cando pensamos utilizamos a linguaxe para construír a realidade de cada quen, linguaxe na que, nos decatemos ou non, o xénero feminino está subordinado ao masculino.
Existe unha xerarquización e, polo tanto, é lóxico concluír que xa desde o pensamento e na concepción da realidade esteamos sendo sexistas e discrimando, o cal, teñámolo moi presente, é tamén unha forma de violencia de xénero, como nos recordan Bourdieu e Martín Lucas:

“Toda violencia contra as mulleres está estreitamente ligada á violencia simbólica mediante a linguaxe.”

Nos textos que escribimos, por aprendizaxe e repetición, tendemos a invisibilizar á muller e tomar ao home como medida de todas as cousas. Este acto, inconsciente quizais a maior parte do tempo, mantén e promove a construción androcéntrica da nosa sociedade, precisamente a causa principal que debemos cambiar para aspirar a unha sociedade xusta e igualitaria.

Se realmente pretendemos cambiar a maneira de comportarnos e construír unha sociedade onde non existan desigualdades segundo a identidade sexual de cada quen, utilizar unha linguaxe inclusiva non sexista (tanto na escrita como na fala) é non só unha axuda inestimable, senón unha necesidade.

Si, pódese usar unha linguaxe non sexista!

Moitas son os feitos ou situacións que consideramos inxustas, que non se fan correctamente ou simplemente fanse como non nos gustan, e a reacción habitual da maioría é a de queixarse e criticar, mais propoñer posibles solucións non adoita ser precisamente algo que nos caracterice: “Eu quéixome e critico, pero xa, se iso, que o amañen outrxs…

A loita dxs feministas por unha igualdade real de dereitos entre mulleres e homes si nos ofrece distintas propostas que nos permiten contribuír a todxs a unha verdadeira igualdade desde o uso dunha linguaxe inclusiva non sexista.

Cambia a túa maneira de expresarte elexindo unha proposta que na que se trate por igual a homes e mulleres.
Velaquí algunhas propostas:

  • Neutralización ou xeneralización.1
    Substitúes o termo sexista por un termo realmente xenérico ou colectivo.
    Por exemplo:
    Ofrecémoslle aos nosos clientes os mellores produtos e servizos“.
    Ofrecémoslle á nosa clientela os mellores produtos e servizos“.

  • Especificación.1
    Fas visible no texto os sexos aos que te referires.
    Tamén haberá agasallos para todos os pais“.
    Tamén haberá agasallos para todas as nais e pais“.

  • A arroba @ 1
    É un recurso que se pode utilizar en certos contextos, como poden ser o intercambio de mensaxes a través de telefonía ou o correo electrónico.
    Esperámosvos a todos esta tarde“.
    Esperámosvos a tod@s esta tarde“.

  • O xe e outros signos gráficos.1,2
    Outros signos son empregados para pór en releve a importancia de refeirnos ás persoas independentemente da súa condición sexual, desbotando así tamén outro condicionamento social como é o sexo asignado ao nacer: X, *, æ
    Ao rematar a presentación, os escritores asinarán os libros“.
    Ao rematar a presentación, xs escritorxs asinarán os libros“.

  • A barra (/) e/ou parénteses ().1
    Ao igual que no caso da especificación, cómpre alternar a orde na que se escriben os xéneros para evitar seguir xerarquizando e dándolle maior prioridade ao masculino.
    Os nenos poden vir cos irmáns“.
    As/os nenos poden vir co(a)s irmá(n)s“.

Dío a constitución“.

Ao igual que, por exemplo, a Constitución, a gramática está para servir á cidadanía. Non son elementos pechados, inalterables, … (a pesar de que según para que cousas a alguén lle conveña apelar a ese inmobilismo sacramental).

Esa anclaxe en tempos pasados precisamente lle resta utilidade e sentido, polo que debemos saber adaptala ás necesidades que temos na actualidade para obter un beneficio común.
Acaso non é un beneficio para todxs unha sociedade igualitaria?

Hai quen esgrime que termos como “miembra” son unha especie de atentado contra a gramática, algo totalmente innecesario. Probablemente as mesmas persoas que promulgan a conveniencia de normalizar termos como “enfermeiro”, “amo de casa”, “azafato” ou “modisto”, ao tempo que tampouco fan nada por evitar o sexismo discursivo.
Persoas que se retratan coa súa obstinación por aferrarse a un sistema patriarcal no que o home (iso si, preferiblemente heterosexual) non perda o poder do que se apropiou séculos atrás.

A gramática, pois, non deixa de ser un instrumento que teñen (todavía) no seu poder e que utilizan para convencernos da necesidade de conservala tal cal para evitar unha especie de caos lingüístico que, segundo elxs, só beneficiaría a unha minoría.

Traballar nas propostas de linguaxe inclusiva é unha necesidade e un deber para o avance da sociedade, e si, tal e como di Judith Butler:

“A resignificación da linguaxe require abrir novos contextos, falando de maneiras que aínda non foron lexitimadas, e polo tanto, producindo novas e futuras formas de lexitimación.”

1 Podes atopar máis información en manuais de linguaxe inclusiva como o da Universidade de Vigo
2 Podes atopar máis información sobre a Proposición X no traballo de fin de máster de Garazi Lara Icaza.