Campo de xirasois

Ler sobre aspectos legais non é algo apetecible. Son consciente delo. Pero se tes un sitio en internet, e en especial se ofreces algún servizo ou produto, seguramente deberás pór a disposición de quen o visita unha información á que che obriga a Lei de Servizos da Sociedade da Información e de Comercio Electrónico (a LSSI).

Propóñoche o seguinte:

Non te plantexes a tarefa de incorporar esta información como unha obriga legal, plantéxao mellor como a oportunidade de presentarlle á túa clientela unha información que lle será útil, que será ben recibida, e polo tanto que incidirá positivamente na túa reputación e marca.

Para facer esta tarefa o máis levadeira posible, indicareiche os aspectos que tes que ter en conta nunha serie de 4 entradas. Deste xeito poderás centrarte nas que máis che interesen e a lectura será máis breve e -confío- algo menos pesada.

Esta é a información de carácter legal que debes considerar para incorporar ao teu sitio web:

Que é o aviso legal?

É a información de índole legal que atinxe ao sitio web que se está a visitar.

Estás obrigadx a ter un aviso legal no teu sitio web se, tal e como recolle a LSSI, é o sitio web dunha empresa e se a través do teu sitio web obtés ingresos (de forma directa ou indirecta).

Esa información debes poñela nalgún lugar, e o habitual é recollela nunha páxina web do sitio. Páxina que adoita ter precisamente ese nome: Aviso legal. Pero que ben pode ter outro sempre que deixe ás claras que a información desa índole é a que se recolle aí.

Así pois, na páxina de Aviso legal deberías pór toda a información concernente aos termos de uso, á política de privacidade, á política de cookies e ás condicións de contratación.

Pero como toda esta información pode ser moita, e co obxecto de que quede o máis clara posible, facilitando así a experiencia de usuarix, adóitanse poñer as 3 últimas en cadansúa páxina web, iso si, sendo estas páxinas sempre referenciadas desde a propia do aviso legal.

Termos de uso.

A tentación de copiar un aviso legal xa existente e cambiar os datos particulares polos teus é grande. Podes copiar o modelo que eu mesmo che ofrezo neste texto e simplemente “rechear sobre a liña de puntos”. Pero farías ben en adaptar o texto ás peculiaridades do teu proxecto.
Así, se por exemplo es ti quen crea os teus produtos, fai máis fincapé na información relativa á propiedade intelectual. E quizais non precises facer tanta sobre, por exemplo, a política de enlaces se no teu sitio web poucos hai a páxinas externas.

Pensa que esta páxina é unha páxina máis do teu sitio. Polo simple feito de falar nela de aspectos legais non tes porqué dirixirte á persoa que o le dunha maneira distinta a como o fas no resto dos textos do teu web: usa o mesmo ton, a mesma complexidade léxica, segue dirixíndote a esa persoa que está a ler tratándoa de ti ou de vostede, igual que no resto dos textos.

Esta é a información que debes facilitar:

Para as persoas particulares, profesionais autónomxs:

  • Nome e calquer outro dato que permita a quen le o texto porse en contacto contigo: domicilio, número de teléfono, número de fax, correo electrónico.
  • O teu NIF.
  • Se es unx profesional colexiadx, indica os datos do Colexio Profesional e os teus datos de colexiadx, o título que tes (ou a homologación, se é o caso).
    Neste caso tamén debes indicar as normas profesionais ou códigos de conduta aplicables cando exerces a túa profesión.

Para as empresas:

  • Denominación social.
  • Domicilio social e calquera outro dato que permita porse en contacto coa persoa responsable da empresa.
  • O  CIF da empresa.
  • Se se trata dunha sociedade mercantil, os datos de inscrición no Rexistro Mercantil: Rexistro no que está inscrita a sociedade, tomo, folio, folla e inscrición.

Calquera outra información de interese para a túa clientela referida, por exemplo, a produtos que requiran dun rexistro específico, faina constar nesta epígrafe.

Dependendo das particularidades do teu sitio web, deberás incluír unhas ou outras cláusulas, e cada unha delas cunha información máis ou menos detallada.

  • Normas de uso.
    Polo feito de estar no teu sitio web, a persoa usuaria adquire unhas obrigas que debe cumprir. Entre elas están as de asumir a responsabilidade e o bo uso dos contidos e servizos nel presentes, e a aceptación das normas aquí presentes.
    Este apartado ten especial relevancia se no teu sitio web as persoas usuarias poden poñer algún tipo de contido, como por exemplo comentarios nun blog.
    Aquí deixas constancia das normas que deben cumprir e fas constar o teu dereito a exclusión no caso de que esas normas non sexan cumpridas.
  • Sobre propiedade intelectual.
    Neste punto indicarás de quen son os dereitos de propiedade intelectual dos produtos presentes no sitio web, ou dos contidos que hai no mesmo (textos, imaxes, audio, vídeo, etc.).
    Indica aquí tamén cal é a autorización ou non, e os límites para o uso deses produtos e/ou contido.
  • Sobre a política de enlaces.
    Por unha parte indicas que non tes ningún control sobre os sitios web aos que se enlaza desde o teu web (sexas ti ou persoas usuarias do teu sitio). Desta maneira fas constar que non es responsable do contido que alí poida haber, nin garantes servizos alleos ao teu sitio web.
    Por outra parte, indicas como queres, e como non queres, que outras persoas poñan enlaces ao teu sitio web.
    Podes así, por exemplo, deixar claro que non desexas ser relacionado con determinados sitios web ou que non queres que desde outros sitios web se accedan aos teus contidos (hot-linking).
  • Reserva do dereito a modificar os termos de uso.
    É importante que fagas constar que os termos de uso que a persoa está lendo poden ser modificados e que nese caso as persoas usuarias do web serán informadas delo, así como de que se son modificadas, os cambios introducidos serán válidos a partir do momento no que consten nos termos de uso (ou calquera outra páxina).

Resumindo…

  1. Recompila a información de índole legal que debes amosar no teu sitio web.
  2. Estrutúraa de maneira que a transmitas de xeito claro e funcional para quen visita o teu sitio web.
    Podes utilizar este modelo de aviso legal para comezar.

Segue informándote sobre os textos legais que debes fornecer no teu sitio web nas seguintes entradas desta serie.