Persoa saltando sobre lume e con lapas no calzado.

Falar da seguridade en internet requeriría de moitísimas horas. E iso só para falar da seguridade en xeral, non digamos xa para casos concretos.

O que quero é falarche a ti, que usas e usarás internet tamén no teu traballo, de aspectos moi concretos que debes ter en conta cada vez que te conectas a internet.

 

Non quero que perdas o tempo, así que, antes de nada, ten en conta isto…

Que NON vas a encontrar aquí:

  • Unha listaxe de medidas que aseguren a túa protección e a dos teus datos.
    A seguridade total en internet non existe. Desconfía se alguén che di o contrario!
  • Medidas que necesiten dun coñecemento técnico alto para a súa implementación.
    Se cumpres coas medidas que che propoño, acadarás un nivel de protección suficiente para ti.
    Se necesitas maior seguridade, buscar noutras fontes ou contactar comigo sempre é unha opción que tes a man.

Que vas a encontrar aquí:

  • Unha listaxe de medidas indispensables para ti.
    Pon nun lado da balanza o esforzo que che supón conseguilas e noutro o que te xogas sen elas. Ti decides!
  • Medidas que podes levar a cabo sen depender doutras persoas.
    Non necesitas maiores coñecementos técnicos dos que tes. Só interés por protexerte e aplicar o sentido común.
  • Unha listaxe de comprobación de seguridade.
    Se ademais tes un sitio web, ten a man esta listaxe. Pídelle á persoa que desenvolveu o teu sitio que comprobe esas medidas para a vosa maior tranquilidade.

Medidas de seguridade que debes ter sempre en conta.

Cando te conectes a internet, ten sempre presente que o elo máis débil da cadea de seguridade es precisamente ti.
É por isto que a túa seguridade depende, na súa maior medida, da túa actitude e do teu comportamento.

  • Conéctate desde un ordenador fiable.
    Se é o teu equipo, manteno sempre actualizado: Principalmente o sistema operativo, o antivirus e o navegador.
    Moitas das actualizacións fanse para correxir problemas de seguridade, polo que tendo ese software sempre actualizado gañarás en confianza.

  • Usa contrasinais robustos.
    Se alguén intenta acceder a unha área privada túa e usas contrasinais febles, o máis probable é que non impidas ese acceso.
    Comproba a robustez do teu contrasinal.

  • Usa distintas contas de usuarix no ordenador desde o que te conectas.
    Se te conectas para navegar desde unha conta que non sexa a da persoa administradora do equipo, reducirás considerablemente as probabilidades de que se instale software malicioso e de perder o teu traballo.

  • Descarga o software que precisas sempre desde fontes fiables.
    Non utilices software pirata, nin descargues software legal desde sitios que non sexan o de quen o desenvolveu. Ten en conta que ao instalar software de dubidosa procedencia podes estar instalando algo máis, comprometendo así toda a túa seguridade.

  • Fai un bo uso do correo electrónico.
    Ademais de utilizar contrasinais robustos, non deixes sesións abertas; non descargues contido adxunto se o correo non provén dunha fonte coñecida e fiable; evita enviar contrasinais ou outra información sensible coma números de tarxetas de crédito.
    Comproba se a seguridade da túa conta de correo está exposta.

  • Evita conectarte desde dispositivos móbiles.
    Restrinxe ao máximo o acceso á información importante sobre todo desde teléfonos móbiles.
    Nestes dispositivos, polo noso propio descoñecemento e polas peculiaridades de uso e conectividade, é máis complicado xestionar a seguridade.
    Se tes que utilizalos para acceder a áreas privadas (correo, banca electrónica, administración do teu sitio web, etc.), non o fagas desde redes wi-fi públicas e asegúrate de ter o dispositivo en bo estado (compróbao con aplicacións coma Conan mobile).

  • Mellor conectarte a través de cable que usando wi-fi.
    Na medida do posible evita as redes wi-fi públicas.
    Para a conexión wi-fi, deshabilita o WPS (ironicamente, as iniciais de Wi-fi Protected Setup). Por defecto os routers adoitan vir con este modo habilitado para facilitar a conectividade á rede, pero a seguridade desta queda comprometida.
    Se o teu router non ten un botón con esa etiqueta, entra no área de administración do router, busca e deshabilita esa opción.


Tes un sitio web? Ocúpate da súa seguridade.

“Eu non teño os coñecementos técnicos necesarios para ocuparme da seguridade do meu sitio web.”

Nese caso certamente debes delegar nunha persoa que leve a cabo as medidas necesarias para manter o teu sitio web protexido. As cuestións técnicas non dependen de ti, pero si podes poñer interés en que esas medidas se cumpran.

Comeza por aplicar as medidas das que che acabo de falar e, no caso de que non o fixese xa a persoa que desenvolve o teu sitio, exponlle este tema para saber cales son as medidas que está a ter en conta.
Esta lista de comprobación pode axudarvos a facer unha supervisión de aspectos importantes a considerar sobre a seguridade do teu sitio web.

Se non tes conta da seguridade cando te conectas a internet, lembra que ademais de poñer en risco información persoal e horas de traballo (que podes traducir en cartos), tamén estás arriscando a túa marca persoal.

Extra, extra!

A min tamén me pasa… Lembrar ducias de contrasinais, pins, claves secretas, combinacións de caixas fortes… e aínda por riba facer os contrasinais robustos!
Se xa é complicado lembrarse de tanto contrasinal, como para facelo máis complicado se estes teñen esas combinacións de letras, números e símbolos…

Hai persoas que solucionan este problema usando sempre o mesmo contrasinal para moitos servizos.
É unha opción que non che aconsello.
Seguramente es consciente delo, pero pensa que se un deses servizos ve comprometida a súa seguridade (e poida que ti nin te enteres delo!), todos os sitios onde usas ese contrasinal estarán en risco.

O que si che aconsello é que uses un xestor de contrasinais.

Un xestor de contrasinais é unha aplicación que che permite, entre outros servizos, anotar todos os sitios onde estás rexistradx cos seus respectivos nomes de usuarix e contrasinais.
Para acceder a esta aplicación debes, como non!, introducir un contrasinal, pero o bo é que ese é o único contrasinal que debes lembrar.

Ultimamente as aplicacións deste tipo que máis proliferan son aplicacións web, é dicir, que para acceder a elas debes facelo a través dunha conexión a internet.
Un exemplo deste tipo de aplicacións (a que eu probei) é LastPass.

A alternativa a estas apliacións web, son as que instalas no teu equipo.
Un exemplo destas outras (que tamén probei) é KeePassX.

Coma en (case) todo neste sector, ambos tipos teñen os seus pros e as súas contras, así que a elección é túa.

Sexa cal sexa a túa elección, calquera delas seguramente será mellor que non facer nada con respecto á túa seguridade en internet.

Foto: Dan Carlson