Imaxe de The Wave en Coyote Buttes (Cañón Paria).

Un pequeno xogo de adiviñas.

Aínda que me dirixo a ti coma profesional que ofreces un servizo ou produto, comezarei pedíndoche que por un momento recuperes a túa faceta de consumidorx para decatarte da cantidade de información que recibimos cada día.

Sabías que … ?

Unha media de 5.000 pegadas diarias tratan de fixarse no teu subconsciente e que desas só retés o 0,2%

Como elixes entre tanta información!?


Propóñoche un pequeno xogo de adiviñas:
Supoñamos que queres mercar unhas zapatillas deportivas e que non tes preferencia (aparentemente…) por un modelo ou outro, así que decides buscar en internet cales mercar e a quen mercarllas.

Sería capaz eu de adiviñar que zapatilla deportiva elixirás?

Non é difícil supoñer que, coma a todxs nos ocorre, unha serie de aspectos priman máis ca outros á hora de elexir, e cando pensas neles unhas marcas están máis presentes no teu pensamento ca outras, por diferentes motivos, claro, pero, ao fin e ao cabo, esas marcas deixaron unha pegada máis ou menos indeleble en ti e agora que buscas ese produto e debes tomar unha decisión, esas pegadas fan que finalmente te decantes por unha ou outra marca.

Quizais busques nos sitios web de Amazon, Decathlon, El Corte Inglés ou, quizais, desa pequena tenda que tes preto da túa casa na que mercaches as últimas zapatillas e onde tan ben te atenderon…
Entre os moitos modelos que ofrecen, o feito de que sexan da marca Nike, Adidas, Mizuno ou New Balance comeza a non ser tan indiferente para ti, posto que, puidera ser, as referencias e/ou a experiencia propia que tes dunha marca en concreto fai que teñas máis en consideración un modelo cos outros.

Evidentemente non son ningún adiviño, pero coñecéndote un pouco, coma ti coñeces (ou deberas coñecer) á túa clientela ideal, e fixándome outro pouco nas estratexias de marketing que seguen as marcas que estás a valorar, as probabilidades de acertar cal será a túa elección son altas.

Volvamos á túa faceta de profesional, como podes ti deixar esa pegada na túa audiencia?
Iso é do que che falo a continuación, desa pegada: a túa marca persoal, e de como procurar que a túa clientela ideal a teña moi presente cada vez que procure un produto ou servizo coma o que ti ofreces.

Que é a Marca Persoal?

É esa pegada da que falabamos.


Jeff Bezos (fundador de Amazon) acuñou esta frase que resume ben o que é a marca persoal:

A túa marca persoal é o que din de ti cando ti non estás diante.


Así pois, o primeiro que debes ter claro é que ti es unha marca, gústeche ou non, porque cando alguén pensa en ti coma profesional, unha serie de asociacións con diversas cualidades, emocións, valores… conforman unha imaxe e opinión de ti na mente desa persoa.

E o segundo que debes ter claro é que realmente a marca persoal non a creas ti: a túa marca persoal non é o que ti queiras que sexa senón como as demais persoas te perciben.

Podes facerte unha idea, polo tanto, da importancia que ten tamén para ti acadar unha boa marca persoal.

A miña marca: 100% persoal

Por que é importante a túa marca persoal?

Porque dependendo de cal sexa a túa marca persoal gañarás máis ou menos diñeiro.

Sexamos honestxs, coma profesionais que somos ese é o fin último que pretendemos, máis alá doutros aspectos de suma importancia coma son ter unha boa reputación coma profesional, convertirte nun referente no teu sector, aportar valores nos que cres á túa comunidade, ser apreciadx pola túa clientela e colegas de profesión, etc.

Debes perseguir eses obxectivos e a maneira de acadalos é destacando.
E como logras destacar?, distinguíndote dos demais!

A túa marca persoal debe reflexar esa exclusividade.

Apunta esta outra frase: “Ou te distingues ou te extingues.” (Tom Peters)

O xenérico non é unha boa opción, nin vende nin engancha.
Para destacar (e sobrevivir) nun mercado tan saturado, debes especializarte, facer que a xente te perciba coma alguén que aporta algo único, e creme, todxs podemos aportar algo único de valor.


Ten en conta que traballar a túa marca persoal dache ademais outras vantaxes:

  • Axúdache a que a misión e a visión do teu proxecto (da túa empresa) sexa percibida como desexas en todos os ámbitos.

  • Favoréceche á hora de ampliar o teu proxecto, facéndoo da maneira que máis se adecúa á túa forma de ser e ás túas necesidades.

  • Tes nela unha referencia para todas as accións de comunicación da túa empresa.

  • Permítche atraer á túa clientela ideal, ao ver en ti os beneficios que buscan.

  • Axúdache a conseguir unha lealtade de marca.

  • Potencia entre traballadorxs, proveedorxs, colaboradorxs e clientela o sentiemento de pertenza a un proxecto co que se identifican.

  • Faiche sobresaír sobre a túa competencia.


Lembra que a marca persoal non a creas ti, pero si debes traballala continuamente, porque se non o fas ti, outrxs (incluida a túa competencia) o farán por ti.



Xa sabes que é e por que é tan importante para ti a túa marca persoal.
Continuamos esta serie averiguando como podes traballala.

Foto: Daniel Knieper