Icona de Instagram cunha interrogante

Ao igual que no caso da entrada na que comprobaches a conveniencia (ou non) de anunciarte en Facebook, o propósito principal deste texto é que decidas se anunciarte en Instagram che permite chegar ao teu público obxectivo. Se é así, facer un bo anuncio nesta rede social pode axudarche a promocionar a túa marca, a vender un produto ou a dar a coñecer un servizo.

Segue lendo se consideras investir parte do teu presuposto en publicitarte en internet e se, ao igual que con Facebook (ou calquera outra rede social) sabes cal é o teu público obxectivo e cres que este usa Instagram.

Está o teu público en Instagram?

Estas son algunhas cifras xenéricas de Instagram que podes ter en mente cando analizas se esta rede social a pode estar usando a túa clientela.

Usuarixs activxs en España 41%
Usuarixs menores de 35 anos 90%
Usuarixs que seguen alo menos a unha marca 53%
Usuarixs que realizan algunha acción despois de ver unha publicación 75%
Rede favorita, xunto con Youtube, para a poboación española 47%

Xunto con estes datos, outros coma que o 56% de usuarixs son mulleres e o 44% homes; o 48% son menores de 25 anos, o 30% teñen entre 26 e 35 anos, e o 20% teñen entre 36 e 45 anos; os contidos máis consumidos son relativos a beleza e viaxes (47%), seguidos de deportes e música (28%) e alimentación (26%); ou que o que máis demandan é goce e cercanía, poden axudarche a determinar se o teu público (a quen coñeces, ou deberías) encaixa neste perfil de usuarix de Instagram.

Agora ben, que o teu público obxectivo estea en Instagram non significa necesariamente que sexa axeitado para ti comunicarte con el nesta rede social. Falareiche desta cuestión un pouco máis adiante…

De momento quédate con que para que a túa publicidade funcione deben darse tres circunstancias:

  1. Que o teu público utilice Instagram.

  2. Que queira encontrarse contigo nesta rede social.

  3. Que cres un anuncio que lle aporte algo.


Vías antes algún datos estatísticos de uso de Instagram, pero máis importante é que teñas en conta onde reside a forza desta rede social.
O atractivo de Instagram é o de contar historias a través de imaxes. Ver unha imaxe (fotografía ou vídeo) que che transmita unha emoción que che agrada.

En realidade unha imaxe por si soa posiblemente non teña a forza suficiente como para que desperte en ti esas sensacións, pero si a esa información visual a túa mente lle engade quen estaba alí, que podía estar facendo, que podía estar sentindo, etc… crea esa historia que é a que realmente queres consumir.
Esa é a diferenza entre ver unha foto dun prato de comida que publica alguén que non coñeces e a que publica alguén que si coñeces, unha persoa que tirou esa foto estando en tal sitio en compaña de tales persoas, etc.

A todo o mundo lle gusta unha boa historia, e neste tipo de medios, se pode consumila rapidamente, mellor aínda!

Sabías que … ?

Snapchat deuse a coñecer por dar unha volta de torca máis a esta idea e permitir publicar vídeos curtos (10 segundos) que permitían crear máis doadamente estas historias curtas.
Instagram soubo incorporar estes vídeos curtos (Stories é como os denomina) e atraer a moitas persoas usuarias de Snapchat, convertíndose, agora, na terceira rede social máis usada (só por detrás de Facebook e Youtube).

Así pois, pensa: o que lle ofrezas ao teu público obxectivo encaixará no que buscan en Instagram?
Con esta reflexión retomo a cuestión de se é interesante para ti comunicarte co teu público en Instagram e de paso ti tes a resposta á segunda das preguntas: queren encontrarse contigo en Instagram?

Se é así, só falta crear un anuncio que lle aporte algo. Pero se non é o medio onde o teu contido encaixe co que buscan, a pesar de ter unha gran cantidade de usuarixs, é preferible que adiques os teus esforzos nun medio onde si sexan máis receptivo o teu público.

Como crear o teu anuncio.

Vou a dividir este apartado considerando unha tarefa creativa e unha técnica á hora de crear o teu anuncio.

En canto á parte creativa, trátase de, en primeiro lugar, ter claro o obxectivo do teu anuncio:

  • Conseguir que o teu público vaia ao teu sitio web.

  • Conseguir que instale a túa app.

  • Facer que vexan un vídeo no que lles contas algo.


Para conseguir o teu obxectivo o anuncio debe cumplir estes requisitos (todos eles que che permite configurar o xestor de anuncios de Facebook):

  • Ser pertinente.
    Debe ser axeitado ao momento e ao contexto no que o pos.

  • Ser relevante.
    Debe aportarlle algo ao teu público nese momento (información, diversión, oportunidade de compra, etc.)

  • Ser auténtico.
    Debe quedar claro que é algo teu e tamén quen es ti. Amósate no teu anuncio se é posible, e faino nun contexto natural.

Todo isto sen esquecer os aspectos básicos propios desta rede social e que deberías estar usando xa na túa comunicación en Instagram:

  • Definir quen es con precisión na túa bio.

  • Usar hashtags, e usalas no número axeitado!

  • Ser creativx.

  • Escoitar ao teu público, interactuando con el, e estando pendente dos temas que son tendencia no teu sector.

Agora xa só queda a parte técnica de creación do teu anuncio…
Instagram non dispón dun xestor de publicidade propio. Como empresa pertencente a Facebook usa o xestor de publicidade da empresa de Mark Zuckerberg.

Estes son os pasos a seguir:

  1. Vincular a túa páxina de empresa de Facebook coa túa conta de Instagram.
    Debes saber que só se permite vincular unha páxina de empresa de Facebook cunha conta de Instagram.
    A opción para vincular ambas contas podes atopala en Axustes na túa páxina de empresa de Facebook.

    Vincula as túas contas de Facebook e Instagram.
  2. Usar o xestor de anuncios de Facebook.
    Unha vez vinculada a túa conta de Intagram, xa podes ir ao xestor de anuncios e seguir os pasos vistos na entrada anterior sobre crear anuncios en Facebook.


A ter en conta:
Ademais do visto xa para crear un anuncio en Facebook, hai algo que debes ter en conta cando estás creando o teu anuncio: o sitio (ou sitios) onde queres que aparezan. Así, se por exemplo só desexas que o teu anuncio saia en Instagram, debes elexir esa opción do apartado ubicacións.

En Placements é onde podes elexir o lugar no que publicar o teu anuncio.

Poderás, ao igual que cos anuncios que creas para Facebook, ver como quedará o teu anuncio en Instagram xa dentro do apartado Media.

Previsualización do teu anuncio en Instagram.

Nada máis… só lembrarche que o prezo dos anuncios, tanto en Facebook como en Instagram, é agora mesmo (xaneiro de 2017) probablemente dos máis baixos en relación coas persoas ás que pode chegar.
Ti dis canto queres gastar e elixes entre as 3 modalidades de gasto que che ofrece Facebook:

  • Pagar por cada interacción co teu anuncio.

  • Pagar por número de impresións.

  • Pagar por alcance único diario (a cada usuarix se lle amosa unha única vez no día o teu anuncio).