Internet permite unha comunicación bidireccional e unha inmediatez que fan que os medios de comunicación de masas vaian perdendo terreo rapidamente no que a influencia na audiencia se refire.
Que é unx influencer?
Basicamente é unha persoa que inflúe na opinión das demais. E, levado a este sector das TIC, que utiliza internet (sobre todo redes sociais, blogs ou foros especializados) para chegar ao seu público.
Hai dous tipos de influencers:
Unha persoa que domina o tema do que fala, xerando contido de interés para as persoas que a seguen.
Seguramente oíches xa falar de termos coma bloggers, youtubers, instagramers,… Persoas que falan dun tema que interesa á súa audiencia (que é elevada) e que segue as súas recomendacións.Unha persoa famosa, que conta tamén cun gran número de seguidorxs debido á súa popularidade.
Esa persoa atrae a moitas outras que queren saber do seu día a día, costumes, gustos, etc.
É útil para ti que unx influencer fale da túa marca?
Depende!
Ten en conta estes datos obxectivos:
Un elevado número de persoas conéctanse a internet (en xeral) e ás redes sociais (en particular) cada día.
A maioría das persoas que van a adquirir un produto ou contratar un servizo, valoran máis a opinión doutras persoas consumidoras que o que lles transmite a propia marca.
Unha vez máis, aconsélloche que penses na túa clientela ideal. Ela é quen ten presente e valora a túa marca coma a ti che interesa.
Esa clientela ideal debe percibir a esx posible influencer na mesma liña que á túa marca, e viceversa.
Póñoche un exemplo:
A Carol gústalle a decoración e a bricolaxe, dáselle ben, ao igual que explicar en amenos videotutoriais como facer pequenas reformas no fogar ou amosar ás máis de 6.000 persoas que a seguen como crear un orixinal agasallo.
Máis alá das súas habilidades, Carol ten claro o modo de comunicarse coa súa audiencia e os valores cos que a identifican todas esas persoas que a seguen. Persoas que confiarán antes nela que no que lles intente transmitir, por exemplo, unha grande empresa de mobles e decoración.
Se a túa clientela ideal podería ser perfectamente gran parte desas persoas que seguen a Carol, e se a túa marca se aliña coa dela, probablemente podería darse unha sinerxía coa que todxs: Carol, as persoas que a seguen, a túa marca, e as persoas que te seguen a ti, se beneficien, non cres?
Pola contra, asociar a túa marca a unx influencer que pouco ou nada ten que ver coa clientela que queres ter, será unha mala opción para a túa marca.
Poderás incrementar considerablemente o teu número de seguidorxs, pero non de clientxs.
Como contactas con esa persoa?
Seguramente teñas en mente algunhas persoas que poderían facer bastante por dar a coñecer a túa marca, tanto polo número de seguidrxs nas redes sociais que teñen coma pola súa actividade en internet.
O aspecto clave neste caso non é nin a cantidade de seguidorxs que teñan nin a cantidade de información que poñan en internet.
O que importa realmente é a actividade que xenera as súas accións.
Volvendo ao exemplo anterior, non importa que Carol teña máis de 6.000 persoas que a seguen, pero si que un número importante desas persoas falen dela, compartan os seus contidos, interactúen con ela e con outras persoas.
E como podes ti saber iso?
Non existe unha fórmula matemática que che dea ese dato, pero si podes analizar certos datos e actuar en consecuencia.
Esta é unha proposta que che fago:
Localiza a posibles influencers no teu sector.
Ademais doutras referencias que teñas, podes utilizar ferramentas coma Klout, Kred (gratuítas) ou BrandWatch (de pago). Os índices Klout e Kred poden darche unha idea da relevancia que teñen esas marcas ou persoas.Observa a actividade no seu blog e redes sociais: a cantidade de “gústame”, “comparto”, etc que ten, é dicir, a participación desas persoas que a seguen, os seus comentarios…
Contacta con esas persoas influencers que poidan interesarche.
Faino vía e-mail, transmitíndolle a túa proposta.
Pensa que se verdadeiramente estades interesadxs nas mesmas cuestións todxs gañaredes, polo que é probable que estea dispostx a colaborar contigo dalgunha maneira.
Non esquezas que despois de establecer esa relación, debes analizar os novos datos que obtés na túa estratexia de comunicación para, comparándoos cos anteriores a esa relación e tendo en conta as expectativas, valorar se esa persoa está axudando á túa marca ou non.
Foto: Justin Sloan