Símbolos do Like de Facebook e de interrogación

En internet podes atopar moitos artigos sobre o uso de Facebook Ads, textos escritos co propósito de: amosarche o seu funcionamento, convencerte das vantaxes do seu uso, comparalo con outros servizos de publicidade, etc.

O que eu quero é que teñas claro se Facebook Ads pode ser unha opción válida para chegar ao teu público obxectivo.

Así pois, o primeiro que tes que saber é que este texto só che será de utilidade se consideras investir parte do teu presuposto de publicidade en anunciarte en internet, posto que Facebook Ads é un servizo de pago.

Se este é o teu caso, e respostas afirmativamente ás seguintes preguntas, este servizo de Facebook interesarache.

  1. Sabes cal é o teu público obxectivo?

  2. Cres que o teu público obxectivo usa Facebook?

Que é Facebook Ads?

Facebook Ads é o sistema de publicidade de pago que emprega Facebook. Os anuncios que ves en Facebook son de Facebook Ads.
Google ten Adwords, Twitter ten Twitter Ads, Facebook ten Facebook Ads.

Facebook é actualmente a rede social con máis persoas usuarias: Unha media de 1.180 millóns1 a usan a diario. En Europa son 307 millóns2 de contas activas, e en España en torno aos 20 millóns3.
Podes consultar outras estatísticas (non oficiais) sobre Facebook aquí

Os datos que presenta Facebook relativos ao posible alcance das súas publicacións impresionan, e non tanto pola cantidade de persoas ás que pode chegar, senón, e sobre todo, porque ningunha outra rede social ofrece un grao de segmentación tan grande, o que che permite chegar a un público moi concreto.

 

Ademais, a día de hoxe (decembro de 2016) costa menos anunciarte en Facebook que en Google ou noutras redes sociais.

A importancia de ter definido o teu público obxectivo.

Os datos que acabas de ler poden ser unha gran tentación e quizais esteas pensando no que debes facer para poñer XA o teu anuncio en Facebook…

Por outra banda, sabes tamén que a maioría somos cada vez máis reticentes (cando menos!) ao consumo de publicidade.
De aí que empresas como Facebook se esforcen en ofrecernos a que realmente poida interesarnos. E aí é onde pode estar a túa oportunidade.

Antes de crear a túa campaña publicitaria adica un tempo a considerar se o teu público está en Facebook, e ademais se encaixa coa túa marca persoal o feito de que vexan nesa rede social o que tes para elxs.

Se é así, Facebook amosaralles o teu anuncio. Só tes que indicarlle quenes son esas persoas. Así que a pregunta é, sabes ti quenes son esas persoas?

 

Se aínda non tes definido o teu público obxectivo adica o tempo necesario a facelo (os mapas de empatía, por exemplo, poden axudarche a elo).
Tendo en mente a esa persoa é máis doado saber que é o que lle interesa, así que cando fagas o teu anuncio poderás dirixirte a ela de maneira que captes a súa atención.

Aconsélloche que teñas en mente sempre esta máxima: MENOS É MÁIS.

Canto máis concretx sexas co teu público obxectivo e canto máis clara sexa a túa proposta, maiores serán as probabilidades de acadar o teu obxectivo.

Se xa tes definido o teu público obxectivo, e mesmo contas cunha listaxe de enderezos de correo, Facebook permíteche dirixirte directa e exclusivamente a esas persoas.
Se non é así, e consideras que Facebook é unha rede social apropiada para a túa marca, estás a tempo de comezar a traballar nesa listaxe.

Que é o que queres anunciar?

Facebook sabe que o que procuran a maioría das persoas anunciantes é o mesmo, polo que vai a ofrecerche unha serie de opcións entre as que seguramente estará a que precisas:

  • Conseguir máis persoas que te sigan na túa páxina de Facebook.

  • Publicitar o teu negocio localmente.

  • Levar visitas ao teu sitio web.

  • Promocionar a túa app

  • Facer que persoas se apunten a un evento.

  • Obter resposta inmediata a unha oferta.

  • Aumentar as reproducións dun vídeo (no que, por exemplo, anuncias un servizo ou produto).

  • Amosar automaticamente produtos dun catálogo segundo as preferencias do teu público.

 

En definitiva, sabendo a quen te dirixes e cal é o teu obxectivo co anuncio, Facebook Ads ofréceche a opción axeitada para presentarllo só á túa audiencia.

Como se usa Facebook Ads.

Vou a englobar os posibles obxectivos do teu anuncio en 2 “obxectivos globais”:

  • Queres dar a coñecer algo (a túa empresa, un produto ou servizo, a celebración dun evento, etc.).
  • Buscas que o teu público leve a cabo unha acción concreta cando vexa o anuncio.

 

A diferenza, basicamente, é que no primeiro caso estariamos a falar do anuncio de toda a vida, no que prentendes informar a un público sobre algo, mentres que no segundo caso aproveitarías as vantaxes que ofrecen as TIC en xeral, e Facebook Ads en particular, para medir o alcance dunha acción, que logo poderás usar para traballar a túa estratexia de comunicación.

Vóume a centrar neste segundo caso, ao ser a opción coa que mellor aproveitas Facebook Ads, e porque tamén che valería no primeiro suposto.

Considera estas dúas fases, pois ambas teñen a mesma importancia para a túa campaña:

Para crear unha campaña en Facebook Ads necesitas ter unha conta en Facebook e usar o xestor de anuncios de Facebook.

Completando só 4 pasos terás o teu anuncio publicado. Son estes:

  1. Elixe o obxectivo da túa campaña.
    Unha das opcións que che presenta Facebook Ads será a que necesitas: Máis persoas que che sigan, publicitar o teu negocio localmente, etc.

  2. Crea a conta.
    Debes introducir 4 datos básicos sobre a conta coa que crearás os teus anuncios.

  3. Dille a Facebook cal é o teu público obxectivo, onde amosar os anuncios, e canto e como queres gastar.
    – Xa sabes cal é o teu público, e Facebook poncho doado para indicarlle eses datos. Indícalle os datos de carácter demográfico (ubicación, idade, xénero, nivel educativo, etc.), cales son os seus intereses, cal é o seu comportamento.
    – Indícalle onde queres que amose os teus anuncios: nos móbiles?, nos ordenadores de sobremesa?, na columna de noticias?, na de anuncios da dereita?…
    – Indícalle o que queres gastar e como repartir ese gasto: dispós dunha cantidade fixa a gastar nuns días concretos?, prefires pagar segundo visualizacións ou segundo clics? …

  4. Dille a Facebook que imaxe(s) e/ou vídeo debe usar.
    Facebook Ads permíteche usar imaxes, texto e vídeo para os teus anuncios, e presentar estes en diferentes formatos.
    Compoñer o anuncio é cousa túa, pero contarás sempre coas recomendacións de Facebook e ferramentas que pon á túa disposición.
    Por suposto, podes ver o resultado tal e como se lle presentará ao teu público e mesmo elaborar diferentes anuncios para que non sempre lle presente o mesmo.

Esta parte non é menos importante que a de creación da campaña, xa que a información que che proporciona Facebook sobre a iteracción do teu público co teu anuncio é o suficientemente detallada como para que poidas, en base a ela, decidir os seguintes pasos na túa estratexia de comunicación.

Facebook Ads permíteche averiguar datos como: as persoas que viron o teu anuncio, a porcentaxe que o viron e fixeron o que pretendías (interesarse por unha oferta, ir ao teu sitio web, subscribirse ao teu boletín, etc.), ou o coste que ten para ti a adquisición dunx clientx.
Para obter estes datos convenche inserir no teu sitio web o Píxel de Facebook.
Non te preocupes, é doado facelo e sempre podes contar con quen fixo o teu sitio para inserilo.

Cos datos que che ofrece podes decidir os seguintes pasos na túa estratexia de comunicación. Así, por exemplo, se o que fixeches foi anunciarlle ao teu público un novo produto, podes levar a cabo unha segunda campaña, dirixíndote exclusivamente a quenes visitaron esa páxina no teu web (serán persoas interesadas) para presentarlle unha oferta de compra limitada no tempo.

Remato este texto cun consello: procura sempre levar ao teu público cara ao teu sitio web.
Ademais de consolidar este como o elemento principal da túa marca persoal, sacaraslle máis partido ao seguimento que fagas dos teus anuncios.

1 Media de usuarixs diarios a 30 de setembro segundo datos oficiais publicados por Facebook.
2 Segundo Search Engine Journal
3 Os datos referentes a España non puiden contrastalos. Eses datos son tomados de diferentes webs que así os anuncian pero que non fan referencia a fonte algunha.