Reverso dunha moeda co texto por un consumo responsable

Como cidadanía e persoas consumidoras somos conscientes da necesidade dun cambio a nivel global para a mellora da sociedade e o medio ambiente.
Demandamos ese cambio e sabemos que as empresas e organizacións deben tamén formar parte da solución e non só do problema.

Nós, como persoas consumidoras, temos realmente o poder para lograr ese cambio. Pero… é certo que estamos dispostxs a cambiar?

 

Vídeo de Smpl Image Photography.
Fragmento extraído do documental Ethos, A time for change.

Cada consumo ten consecuencias inmediatas e futuras.

A importancia das empresas socialmente responsables.

Estas empresas teñen unha grande importancia no cambio que pretendemos.

Se podemos elexir entre consumir dunha maneira socialmente responsable ou non é, en gran parte, porque existen empresas que nos dán a opción de contribuír a acadar unha sociedade máis xusta e un medio ambiente máis limpo.


Se apostas por consumir en empresas que nos dán ese importante valor engadido, estás axudando a facer posible ese cambio:

Actúas XA ao tempo que invistes nun mellor futuro, xa que priorizas ás empresas socialmente responsables fronte ás que non o son, convertíndo ás primeiras en sostibles e nun modelo para as segundas.

Que é unha empresa socialmente responsable?

É aquela empresa que adopta voluntariamente, e máis aló do establecido pola lei, o compromiso de contribuír ao logro dunha mellora para a sociedade e o medio ambiente.

A responsabilidade asumida exprésaa ante os seus grupos de interese (clientela, persoas traballadoras, proveedoras, colaboradoras, comunidade local, etc.), convidándoos a formar parte desas accións e a asumir un compromiso común.

Son as empresas que incorporan a RSC (Responsabilidade Social Corporativa) á súa estratexia de negocio. Son a outra cara desta moeda, a moeda que nos permite investir nun mundo mellor.

Así pois, como persoa consumidora, ti es unha parte vital nesa estratexia de negocio das empresas, posto que a súa existencia non ten sentido sen a súa clientela.

Se demandas prácticas socialmente responsables, deberán levalas a cabo para seguir existindo.

Por que son estas empresas necesarias?

Estas prácticas de RSC son de vital importancia para acadar a sostibilidade, posta en risco polo noso actual modelo de consumo.

O Pacto Mundial, iniciado pola ONU no Foro Económico de Davos (en 1999), ligou a RSC ao Desenvolvemento Sostible.
Un Desenvolvemento Sostible cun triple obxectivo: a procura dun crecemento económico, un equilibrio ecolóxico e un progreso social.
Non se pode buscar o desenvolvemento considerando só a dimensión económica, senón que debemos ter en conta tamén as dimensións sociais e medio ambientais se o que pretendemos é cumprir coa nosa obriga cara ás vindeiras xeracións de permitir que éstas desfruten dos recursos, cando menos, no mesmo grao de benestar ca nós.

As empresas que incorporan a RSC á súa estratexia de negocio alíñanse, en maior ou menor medida cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (OSD de Nacións Unidas) contribuíndo coas súas accións a:

  • O respecto polos dereitos humanos (con especial atención aos da infancia).

  • O coidado do medio ambiente.

  • A igualdade e xustiza social.

  • A seguridade e saúde no traballo.

  • O emprego de políticas de contratación e promoción non discriminatorias.

  • A conciliación da vida persoal, profesional e familiar.


Así pois, as empresas xogan un papel moi importante no Desenvolvemento sostible. De como sexan as súas accións dependerá este. E as súas accións irán en consonancia co comportamento da súa clientela, nós, as persoas consumidoras.

Cales son as empresas socialmente responsables?

Lamentablemente, esta pregunta non ten unha resposta doada.

Debes ter en contacta estes factores:

  • A RSC é unha práctica voluntaria.
    Pola propia definición de RSC, as accións son voluntarias e van máis aló do cumprimento das leis, polo que non existen normas que garantan ás persoas consumidoras que efectivamente esa empresa é socialmente responsable.
    Si existen diferentes certificados ou iniciativas, como o Pacto Mundial, que dalgunha maneira auditan as prácticas responsables das empresas que se adhiren a elas.

  • A RSC úsase coma maquillaxe polas empresas.
    As grandes empresas poden facernos ver que están contribuíndo de xeito sostible ao desenvolvemento da sociedade e o medio ambiente. Teñen recursos publicitarios máis que suficientes para elo.
    Poden usar os medios de comunicación e publicar no seu sitio web as accións responsables que fan, pero nada garante que haxa outras, mesmo máis graves, que vaian no sentido contrario ao do desenvolvemento sostible.


Así pois, quenes consumimos deberemos guiarnos máis polo noso instinto e intentar obter a maior información posible sobre unha empresa para poder ter a confianza suficiente.

Pola miña experiencia, en xeral, é máis doado informarse sobre a RSC dunha peme, microempresa ou autónomx, que a dunha grande empresa (o que non quere dicir que haxa grandes empresas que fan unha labor de RSC moi boa).

A miña intención inicial era a de proporcionar aquí unha listaxe de pemes galegas que fan RSC, pero non logrei aínda completar a información para que poida serche útil.
Como pequena mostra, estes son 3 exemplos nos que podes ver prácticas e modelos de comunicación de RSC moi diversos:

O papel de quenes consumimos é moi importante.

Na nosa man está informarnos (a través dos medios que consideremos máis obxectivos) e decidir se participamos activamente neste cambio.

O feito ata agora desde hai décadas non é suficiente e todxs podemos contribuír dalgunha maneira .

 

Non son poucas as cousas que podemos facer:

  • Toma consciencia: Internet é un medio que ofrece posibilidades que nunca antes tivemos para informarnos ben.

  • Consume só o que necesitas e recicla: O modelo actual empúxanos a consumir dun xeito abusivo e que pode perxudicarnos gravemente (aféctanos de xeito económico, social, educacional, psicolóxico).

  • Elixe ben: A túa decisión, e a de todas as persoas consumidoras, determinará o modelo de negocios que haberá nun futuro próximo.

  • Sé coherente e consecuente: De pouco serve que merques nunha tenda que promove a reciclaxe se tamén o fas noutra que obtén os seus beneficios grazas á explotación infantil.

  • Difunde e denuncia: Internet, e en particular as redes sociais, son unha ferramenta moi útil para concienciar e dar a coñecer alternativas de consumo responsable.
    Por outra banda, grazas a internet é máis doado e eficiente combater as prácticas de maquillaxe corporativa das empresas.
    As empresas son conscientes disto e están atentas a todo o que atinxe ao comportamento da súa clientela.
    Faite oír!


Se liches ata aquí posiblemente esteas pensando que a labor que nos toca ás persoas consumidoras é máis complicada do que pensabas…

Non é esta unha labor que poidamos facer todas as persoas consumidoras… Só poderemos facelo aquelas cunha escala de valores na que prima o benestar social e o coidado do medio ambiente ao interés económico.
E o modo de logralo é consumindo responsablemente e en empresas socialmente responsables, facéndolle ver así, ás persoas que antepoñen o beneficio económico á responsabilidade social, que ese é único modelo sostible, o único co que poderán gañar diñeiro.

“Sé ti o cambio que queiras ver no mundo”

~ Gandhi ~